• Novas
  • 06 de julio de 2022

COGAMI imparte charla de prevención de lesión medular no centro escolar Colexio Vigo

COGAMI imparte charla de prevención de lesión medular no centro escolar Colexio Vigo

A traballadora social de COGAMI, Tania Filgueira, acompañada do voluntario, Ramón Rodríguez, impartiron unha charla informativa de prevención de lesións medulares no centro educativo Colexio Vigo á que asistiron 51 alumnas e alumnos de ciclos medios.

A través deste tipo de charlas de sensibilización, dende COGAMI preténdese informar sobre as causas e consecuencias dos accidentes medulares para concienciar sobre a importancia de tomar as medidas de seguridade debidas e evitar situacións de risco, tanto en estradas como en praias e piscinas, principais focos de sinistralidade entre a mocidade.

Nesta charla explicouse as diferentes tipoloxías de lesións medulares que existen, as consecuencias que ten cada tipo de lesión e como afecta cada unha destas á persoa, como a perda da mobilidade, o nivel de dependencia que poida ter e a necesidade de adaptar a vivenda familiar ás novas circunstancias.

O voluntario, Ramón Rodríguez, contou a súa historia persoal sobre como lle cambiou a vida despois dun accidente que tivo e as consecuencias, como ter que deixar a casa na que vivía por imposibilidade de facela accesible, ou de como aínda hoxe en día hai xente que mira máis a cadeira de rodas que a persoa. O grupo estivo moi receptivo á súa charla e, como Ramón conduce un coche adaptado, interesouse polas adaptacións.

Para evitar riscos, é conveniente usar medidas preventivas como o cinto de seguridade nos vehículos, non utilizar aparatos móbiles na condución, respectar os límites de velocidade, non inxerir substancias estupefacientes ou bebidas alcohólicas, usar casco e roupa apropiada nas motocicletas e respectar tamén as normas de seguridade cando imos como peóns. Durante o verán, os mergullos son unha das causas que máis casos producen as lesións medulares.