As instalacións que ten COGAMI en Ferrol, acollen un curso AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) de Actividades Administrativas na Relación co cliente no que se están a formar 15 persoas.
Esta formación, que cofinancia a Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, consta de 818 horas lectivas que se imparten ata o día 15 de xullo de 2020, en horario de 09:00 a 14:00 horas, e está dividida nos seguintes módulos: técnicas de recepción e comunicación, operacións administrativas comerciais, gravación de datos, xestión de arquivos, lingua estranxeira profesional para a xestión administrativa na relación co cliente, ofimática, prácticas profesionais non laborais, ademais das materias transversais de inserción laboral, sensibilización medioambiental e na igualdade de xénero, ademais de formación para a igualdade.
O curso inicia con 15 persoas, 13 mulleres e 2 homes, todas elas con certificado de discapacidade do 33% como mínimo ou de incapacidade laboral para a profesión habitual, con idades comprendidas entre os 27 e os 51 anos, que proceden dos concellos de Ferrol (8), Narón (6) e Ares (1).
A maioría das persoas que forman parte do curso traballaron anteriormente en sectores diversos como a limpeza, estiba, reparto, hostalería, comercio, costura ou artesanía.
COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 2.050 persoas inscritas na comarca de Ferrolterra (946 mulleres e 1.104 homes)