As instalacións que COGAMI ten en A Coruña (Edificio A Milagrosa, Avda. de Cádiz, nº1, 1º andar, local2) acollen un curso AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) de Actividades administrativas na relación co cliente no que se están a formar 15 persoas.
Esta formación, que cofinancia a Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, consta de 818 horas lectivas que se impartirán ata o 11 de setembro, en horario de 9:00 a 14:00 horas, e está dividida nos seguintes módulos: internet/intranet e correo electrónico, aplicacións informáticas de tratamento de textos, follas de cálculo, xestión comercial bases de datos relacionais e gráficas de información, gravación de datos, técnicas de recepción e comunicación, atención ao cliente no proceso comercial, xestión administrativa do proceso comercial, lingua estranxeira profesional para a xestión administrativa na relación co cliente, xestión de arquivos e actividades administrativas de recepción e relación co cliente.
O curso inicia con 15 persoas, 7 mulleres e 8 homes, todas elas con certificado de discapacidade do 33% como mínimo ou de incapacidade laboral para a profesión habitual, con idades comprendidas entre os 25 e os 58 anos, que proceden dos concellos de A Coruña, Arteixo, Oleiros, Culleredo, Carballo e Sada.
A maioría das persoas que forman parte do curso traballaron anteriormente en sectores diversos os relacionados coa área administrativa e/ou de oficina como recepcionistas-telefonistas ou como dependentes de comercio e caixeiros, ademais do sector de limpeza, mozo de almacén, operario/a de fábrica, conserxe e traballo no hostalería.
COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 3.408 persoas inscritas.