COGAMI iniciou a principios de ano nas instalacións de Ferrol (rúa Sánchez Calviño, nº 56-58) e de Ourense (Rúa da Farixa, nº3 B) un programa POISES de promoción da inclusión social, de loita contra a pobreza e calquera forma de discriminación.
Financiado pola Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo, a este proxecto puideron optar principalmente mulleres con discapacidade, mulleres vítimas de violencia de xénero e persoas con discapacidade que viven en zonas rurais, tres perfís que teñen máis complexa a inserción laboral. Con elas o que se fai é ofrecerlles sesións de orientación laboral, aprenden a identificar as súas capacidades, a marcar unhas metas laborais e a preparar o seu curriculum para mellorar a empregabilidade.
Cun total de 46 persoas participantes (23 mulleres e 23 homes) este programa pretende mellorar a inserción sociolaboral das persoas con discapacidade mediante o trazado de itinerarios integrados e personalizados. Segundo a orientadora laboral do Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI, Goretti Rodríguez, “existe unha grande motivación por parte das persoas que forman parte deste programa POISES, malia que recoñecen que se atopaban ao principio desorientados porque levaban tempo sen actividade laboral e agora séntense máis autónomos”.
Dende que iniciou en xaneiro, leváronse a cabo unha serie de accións de capacitación como a derivación a cursos formativos a 14 persoas integrantes do programa ou tamén a posibilidade de presentarse 22 persoas a ofertas de emprego que derivaron en que 7 destas persoas foron xa contratadas. Outras accións foron máis técnicas como a revisión e actualización dos curriculums das persoas participantes ou tamén a súa creación, posto que hai persoas que é a primeira vez que o fan. Ademais tamén aprenderon a crear contas de correo electrónico e cartas de presentación ante ofertas de emprego que lles poidan interesar.
COGAMI encárgase de orientar ás persoas participantes do programa á hora de afrontar unha entrevista de traballo, sendo o centro de atención a persoa, polo que se deseñarán itinerarios de inserción individualizados. Outra das funcións de COGAMI será a de actuar de intermediario coas empresas da comarca para identificar candidaturas ás ofertas de emprego que poidan xurdir.