• Novas
  • 03 de agosto de 2021

COGAMI incorpora 2 vehículos de transporte adaptado que prestan servizo a persoas usuarias de centros de recursos

COGAMI incorpora 2 vehículos de transporte adaptado que prestan servizo a persoas usuarias de centros de recursos

COGAMI incorpora dous novos vehículos ao servizo de transporte adaptado que presta para o traslado da persoas usuarias dos centros de recursos. Con estas novas adquisicións nos centros de Monteporreiro en Pontevedra e no de Mos, a flota de vehículos de COGAMI suma un total de 19 furgonetas adaptadas.

Estes vehículos financiáronse a través da subvención destinada a programas de interese xeral para fins sociais que xestiona a Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF procedentes de todas as persoas que marcaron na declaración da renda o recadro 106 de Actividades de interese xeral consideradas de interese social, máis coñecida por X Solidaria.

O servizo de transporte adaptado garante a posibilidade de acceso autónomo aos centros de recursos, todos eles situados en zonas rurais, aos que resulta necesario dispoñer de transporte para o traslado. Ao carecer dun transporte público adaptado, de non ser por este servizo, sería necesario depender de terceiras persoas para o traslado aos centros, sendounha opción inviable para a maioría das familias.

O servizo de recollida, realizado diariamente de luns a venres, é necesario para que as persoas usuarias poidan acceder aos servizos diúrnos de atención terapéutica e ocupacional de xeito regular. Son un total de 92 persoas as que suben a un destes vehículos adaptados: 26 persoas para acudir ao centro de Medelo procedentes das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes; 29 persoas do centro de Mos que chegan dende concellos da comarca de Vigo; 11 persoas acoden ata o centro de Monteporreiro procedentes dos concellos de Cangas, Moraña, Poio e Pontevedra e, por último, son 26 persoas as que acoden ata o centro de Fingoi en Lugo procedentes das comarcas de Lugo, Meira e Sarria.