• Novas
  • 27 de octubre de 2022

COGAMI inicia catorce cursos AFD dirixidos a persoas desempregadas que impartirá no período 2022-2023

COGAMI inicia catorce cursos AFD dirixidos a persoas desempregadas que impartirá no período 2022-2023

As persoas maiores de idade, que teñan certificado de discapacidade ou unha incapacidade laboral para a profesión habitual, poden reservar praza nos cursos que COGAMI vai iniciar a partir do mes de novembro e que se irán desenvolvendo neste período 2022-2023.

Estas accións formativas, impartidas de maneira gratuíta e dirixidas a persoas desempregadas, están recollidas no Plan Formativo para o Emprego das persoas traballadoras desempregadas de Galicia para o período 2021-2023, denominado como AFD, que financia a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, o Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Entre as temáticas dos cursos que inician está o de Actividades Administrativas na Relación co Cliente, cunha duración de 818 horas, que se vai impartir en Ferrol, Cabana de Bergantiños e A Coruña. Para poder participar neste curso denominado de nivel 2, as persoas deben de cumprir uns requisitos como ter o Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria; o certificado de profesionalidade de nivel 2; certificado de profesionalidade de nivel 1 da mesma familia e área profesional; cumprir o requisito académico de acceso aos ciclos formativos de grao medio ou ben haber superado as correspondentes probas de acceso reguladas polas administracións educativas.

Outros requisitos comprenden ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos e/ou 45 anos e ter as competencias clave necesarias para cursar con aproveitamento da formación correspondente ao certificado de profesionalidade.

Outra das formacións que vai iniciar é sobre Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais, cunha duración de 448 horas que se desenvolverá nas oficinas de COGAMI de Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra e Lugo. Esta formación, ao ser de nivel 1, non precisa cumprir uns requisitos previos para apuntarse.

Competencia matemática N2, Comunicación en Lingua Castelá N2 e Comunicación en Lingua Galega N2, son outras tres das formacións que COGAMI vai impartir durante este período 2022-2023 nas cidades de Vigo e Ourense. O último será en Lugo sobre Actividades Auxiliares en Viveiros, Xardíns e Centros de Xardinería que contará cun total de 348 horas de duración.

O obxectivo desta formación consiste en facilitar competencias adaptadas ás empresas e orientar ás persoas demandantes de emprego co fin de acaden unha oportunidade laboral canto antes.