Un total de 15 persoas con discapacidade, 8 mulleres e 7 homes, veñen de iniciar nas instalacións que COGAMI ten en Ferrol (rúa Sánchez Calviño, nº56-58) un curso de Actividades administrativas na relación co cliente que lles imparte a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade.
Este curso denominado AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) está cofinanciado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional.
As 15 persoas seleccionadas proceden dos concellos de Ferrol, Narón, Mugardos, Neda e Fene e acoden ás clases teóricas de luns a venres en horario de 9 a 14 horas. En total terán que cubrir as 818 horas de duración do curso, das que 120 destas horas serán prácticas en empresas da zona, tendo como data de remate prevista a mediados do mes de xullo.
Entre os módulos que se tratarán están o de técnicas de recepción e comunicación, operacións administrativas e comerciais, gravación de datos, xestión de arquivos, lingua estranxeira profesional para a xestión administrativa na relación co cliente, ofimática, prácticas profesionais non laborais, inserción laboral, sensibilización medioambiental e na igualdade de xénero.
Con este, a área de Formación de COGAMI iniciará a partir deste mes de novembro 14 cursos AFD en diferentes concellos galegos que se irán desenvolvendo neste período 2022-2023. Todas estas accións formativas están dirixidas a persoas con discapacidade desempregadas, e teñen por finalidade mellorar a empregabilidade, incrementar as competencias profesionais e posibilitar a inserción no mercado de traballo.