• Novas
  • 13 de marzo de 2023

COGAMI inicia curso de alfabetización dixital en Verín dirixido a persoas con discapacidade

COGAMI inicia curso de alfabetización dixital en Verín dirixido a persoas con discapacidade

As instalacións da aula Cemit da Casa da Xuventude do Concello de Verín, Avenida de Portugal 11(Andar 1), acollen un curso de Alfabetización Dixital que imparte COGAMI.

Esta formación iniciárona un total de 8 persoas, todas elas co certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual, procedentes dos concellos Verín, Monterrei e Riós.

Esta formación, financiada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional a través da Organización COCEMFE, da que forma parte COGAMI, enmarcada nas actuacións dirixidas á atención de adultos con NEE 2021-22, contará cun total de 85 horas lectivas que serán impartidas de luns a venres en horario de 9:00 a 14.00 horas, e nos que se abordarán módulos sobre internet, procesador de textos e folla de cálculo.

Estes cursos que desenvolve COGAMI teñen como obxectivo impulsar a inserción sociolaboral, co fin de que o alumnado acade os coñecementos e habilidades para poder inserirse canto antes no mercado laboral.