• Novas
  • 16 de noviembre de 2017

COGAMI inicia curso de almacenista en Ferrol

COGAMI inicia curso de almacenista en Ferrol

Un total de 12 persoas con discapacidade da comarca de Ferrolterra, 11 homes e 1 muller, inician hoxe un curso de Xestión de almacén que se está a impartir nas instalacións que COGAMI ten en Ferrol (rúa Sánchez Calviño 56-58).


Este curso, que foi concedido a COGAMI pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, está enmarcado dentro do proxecto sobre Formación en habilidades para o emprego na provincia de A Coruña. Está cofinanciado nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo de Galicia 2014-2020, e ten como finalidade promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación.

O alumnado, todas persoas con discapacidade inscritas na base de datos do servizo de intermediación laboral que ten COGAMI e que actualmente conta con máis de 3.000 persoas, proceden dos concellos de Ferrol, Fene, Narón, Neda, Mugardos e Valdoviño.

Asistirán a clase durante as 100 horas que ten o curso de duración, rematando este a finais de decembro. Entre os contidos que terán que tratar están os módulos de almacenaxe, informática e manexo de carretilla. Despois das clases teóricas terán a posibilidade de realizar 50 horas máis de prácticas en empresas da zona que colaboran con COGAMI e coa inclusión laboral.

Con este son 4 os cursos que COGAMI está a impartir en Ferrol nos que se están a formar un total de 57 persoas.