• Novas
  • 22 de noviembre de 2018

COGAMI inicia curso de auxiliar de servizos administrativos en Pontevedra

COGAMI inicia curso de auxiliar de servizos administrativos en Pontevedra


Un total de quince persoas con discapacidade (8 mulleres e 7 homes), todas elas apuntadas na base de datos que ten o Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI, iniciaron un curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais en Pontevedra.

Cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Emprego e a Seguridade Social, esta formación está dirixida a persoas que actualmente están en situación de desemprego, co fin de que poidan aprender unha profesión e adquirir maiores competencias de cara á inserción laboral.

Para poder apuntarse a esta formación, todas as persoas seleccionadas tiñan que ter recoñecida a discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual, ademais de estar en situación de desemprego e ser maiores de idade. As persoas que iniciaron o curso proceden dos concellos de Pontevedra, Moraña, Marín e Poio.

Cun total de 448 horas de duración, co que rematará o 11 de abril de 2019, esta formación estase a impartir de luns a venres en horario de 16 a 21 horas, nas instalacións que COGAMI ten en Monteporreiro (rúa Alemania, nº23, baixo).

O alumnado, para poder obter o certificado oficial de profesionalidade, terá que superar os módulos que se van impartir sobre técnicas administrativas básicas de oficina, comunicación e arquivo. A maiores terán a oportunidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas da zona.

Estas formacións teñen por obxectivo conseguir un incremento das posibilidades de inserción laboral nas persoas traballadoras desocupadas e, no caso de COGAMI, nas persoas que teñen discapacidade. Coa impartición destes cursos, COGAMI pretende ofrecer máis posibilidades laborais a un grupo social, como é o da discapacidade, que conta cunha taxa de paro superior en nove puntos á das persoas que non teñen discapacidade.

Actualmente, a área de emprego que COGAMI ten en Pontevedra conta cunha base de datos na que hai 4.004 persoas inscritas como demandantes de emprego, das que 1.605 son mulleres e 2.399 son homes. No primeiro semestre deste ano, foron 268 persoas as que lograron inserirse laboralmente, unha cifra que a Confederación agarda ir incrementando ano tras ano en favor das persoas con discapacidade.