Un total de 13 persoas con discapacidade de Ourense, 8 homes e 5 mulleres, iniciaron un curso de Competencia Matemática Nivel 2 que COGAMI imparte nas instalacións que ten na rúa Farixa, nº3, baixo
Este curso denominado AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas), está cofinanciado pola Consellería de Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional, enmarcado no que se coñece como Competencias Clave Nivel 2, que permitirá ao alumnado que o supere poder optar a facer formación equivalente a ter cursado o graduado da ESO.
As 13 persoas que están neste curso, de 120 horas de duración, veñen dos concellos de Ourense, Barbadás, Toén, O Carballiño e Coles, todas co certificado de discapacidade do 33% como mínimo ou de incapacidade laboral para a profesión habitual. En canto ao nivel formativo do alumnado, este conta co certificado da EXB, o certificado de escolaridade e tamén hai que non rematou os estudos primarios e agora ten interese en formarse para poder acceder a cursos de nivel 2 da rama administrativa e atención sociosanitaria, por exemplo.
COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, rexistrando arestora un total de 2.259 persoas inscritas en Ourense.