COGAMI inicia un curso de Competencias Clave que se imparte nas instalacións que a entidade ten en Ourense (edificio Aixiña, rúa da Farixa, nº3B, baixo).
Esta formación, que financia COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) a través do Ministerio de Educación e Formación Profesional, está enmarcado dentro do programa de Atención Educativa de Persoas con Discapacidade Adultas que Presentan Necesidades en Competencias Clave.
O curso inicia con 8 persoas, 4 mulleres e 4 homes, todas elas con certificado de discapacidade do 33% como mínimo, con idades comprendidas entre os 41 e os 58 anos, e procedentes dos concellos de Ourense (5), Barbadás (1), Celanova (1) e O Carballiño (1). O obxectivo xeral desta acción formativa é poder superar os exames de competencias clave niveis 2 e 3 que se levarán a cabo en Galicia e que suporán un paso máis de acceso a certificados de cualificación para o emprego.
Algunhas das persoas que se apuntaron a esta formación contan con experiencia laboral, traballando con anterioridade en sectores como o da limpeza, construción, hostalería, teleoperador, transportes, comercio e empregada de fogar.
COGAMI, a través do seu servizo de Orientación e Intermediación Laboral, proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de que poida acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron o curso están apuntadas no servizo de emprego de COGAMI, que arestora conta con 2.296 persoas inscritas na provincia de Ourense.