• Novas
  • 18 de marzo de 2021

COGAMI inicia curso de empregado de gasolineira para oito persoas da comarca de Ferrolterra

COGAMI inicia curso de empregado de gasolineira para oito persoas da comarca de Ferrolterra

COGAMI pon en marcha un curso de formación ocupacional nas instalacións que ten en Ferrol (Rúa Sánchez Calviño, nº56-58) no que se están a formar como empregada/o de gasolineira 8 persoas con discapacidade, 1 muller e 7 homes, un número que este ano se restrinxe á metade do aforo habitual para manter a seguridade de protección máxima ante o COVID-1

Financiado pola Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo e enmarcado na convocatoria de axudas económicas a proxectos de reforzo da empregabilidade de persoas con discapacidade “Un a Un”- ano 2020 no marco do programa operativo POISES 2014-2020, este curso pretende dar resposta a unha demanda real de profesionais de atención en estacións de servizo, ao mesmo tempo que se mellora a oportunidade de empregabilidade destas oito persoas, todas elas apuntadas no Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI como demandantes de emprego.

Procedentes dos concellos de Fene, Ferrol, Neda e Ortigueira e con idades comprendidas entre os 24 e os 61 anos, todo o alumnado que forma parte deste curso chega con experiencia laboral previa noutros sectores como son a restauración, venda ambulante, fotografía, reparto de comida a domicilio, xardinería, cantería e loxística. Esta oportunidade formativa suponlles unha reciclaxe profesional e unha posible oportunidade laboral noutro campo dentro do mercado.

Este curso conta cunha duración de 265 horas distribuídas en módulos específicos como son os de Atención ao Cliente e Técnicas de Venta, Informática Aplicada nas Estacións de Servizo e Conceptos Básicos de Estacións de Servizo, ademais de módulos transversais como o de Prevención de Riscos Laborais e Manipulación de Alimentos. Para finalizar, disporá de 100 horas de formación práctica nun posto de traballo de gasolineiras da comarca que colaboran con COGAMI na inclusión de persoas con discapacidade.

A través de formacións como esta, COGAMI contribúe na preparación e cualificación de persoas con discapacidade desempregadas da comarca de Ferrolterra, pretendendo mellorar as súas posibilidades no mercado laboral, como así amosan os datos do ano pasado que reflicten que o 35% das persoas que se formaron con COGAMI lograron atopar traballo.