COGAMI inicia un curso de Informática básica que se imparte na aula Mentor situada na Rúa do Deporte, nº7 de Sigüeiro.
Esta formación, que financia a Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo consta de 100 horas lectivas que se imparten ata o día 14 de xuño, en horario de 9 a 14 horas, e está dividida nos seguintes módulos: Windows e Internet, procesador de textos Writer e folla de cálculo, ademais da realización de prácticas profesionais non laborais.
O curso inicia con 12 persoas, 5 mulleres e 7 homes, con idades comprendidas entre os 25 e os 56 anos, que proceden dos concellos de Oroso, Bembibre, Tordoia, Ordes, Trazo e Santiago de Compostela. O obxectivo xeral desta acción formativa é coñecer a nivel usuario o funcionamento básico dun ordenador executando instrucións sobre as aplicacións máis comúns de ofimática e internet.
A maioría das persoas que forman parte do curso sempre traballaron nos sectores da construción, hostalería, limpeza e sector servizos. Tras a maioría delas ter unha incapacidade permanente total para profesión habitual, teñen que reciclarse e formarse para poder volver entrar no mercado laboral.
COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 258 persoas inscritas na comarca de Ordes.