COGAMI iniciou un curso de formación de informática básica na Casa da Cultura do Concello de Xinzo de Limia no que un total de 15 persoas con discapacidade deste concello e da comarca van familiarizarse con programas como Windows, Word, Excel e navegación por Internet.
Esta formación, que financia a Fundación ONCE a través do programa Inserta e na que colabora o concello de Xinzo cedendo a aula e tamén o espazo de estacionamento para o alumnado do curso, pretende promover a inclusión social a través da inserción laboral.
O curso, que consta de 150 horas lectivas que se impartirán ata o día 14 de decembro, en horario de 15 a 20 horas, iniciou con 15 persoas (7 mulleres e 8 homes), que proceden dos concellos de Xinzo de Limia, Trasmiras, Rairiz de Veiga, Xunqueira de Ambía e Allariz. O obxectivo xeral desta acción formativa é coñecer a nivel usuario o manexo de programas de ofimática básica e internet.
COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 226 persoas con discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual inscritas da comarca de Xinzo, das que 90 son mulleres e 136 homes.