• Novas
  • 15 de marzo de 2019

COGAMI inicia curso de ofimática básica en Ourense

COGAMI inicia curso de ofimática básica en Ourense


Ata o 8 de abril, as instalacións que COGAMI ten en Ourense (rúa Recaredo Paz nº1) acollen un curso de formación de Ofimática Básica no que se están a formar 12 persoas con discapacidade, 4 mulleres e 8 homes.

Esta formación, que financia a Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, consta de 100 horas lectivas repartidas en horario de luns a venres de 9 a 14 horas, e está dividida nos seguintes módulos: Internet, Write e Cálculo. O obxectivo xeral desta acción formativa é coñecer a nivel usuario o funcionamento básico dun ordenador executando instrucións sobre as aplicacións máis comúns de ofimática e internet.

Todas as persoas que forman parte do curso teñen idades comprendidas entre os 39 e os 62 anos, estudos básicos e proceden dos concellos de Ourense, Barbadás e San Cibrao das Viñas. A maioría, traballaron nos sectores da construción, atención sociosanitaria, hostalería e produción industrial. A través deste curso poden reciclarse e formarse para poder volver entrar no mercado laboral.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 1.095 persoas inscritas na base datos como demandantes de emprego, dos que 653 son homes e 442 mulleres.