COGAMI imparte, no centro de recursos de Monteporreiro (rúa Alemaña, nº 23) un curso de Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais.
Esta formación, denominada AFD, está financiada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, está dirixida a persoas que actualmente están en situación de desemprego, co fin de que poidan aprender unha profesión e adquirir maiores competencias de cara á inserción laboral.
Consta de 448 horas lectivas repartidas en horario de luns a venres de 16 a 21 horas, e está dividida nos seguintes módulos: técnicas administrativas básicas de oficina, operacións básicas de comunicación, reprodución e arquivo, prácticas profesionais non laborais, inserción laboral, sensibilización medioambiental e na igualdade de xénero, e formación para a igualdade.
O curso inicia con 15 persoas, 9 mulleres e 6 homes, que proceden dos concellos de Pontevedra, Cotobade, Barro, Portas e Bueu, e unha vez superados os módulos o alumnado recibirá un Certificado de Profesionalidade Nivel 1. A maiores terán a oportunidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas da zona.
Para poder apuntarse a esta formación, todas as persoas seleccionadas tiñan que ter recoñecida a discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual, ademais de estar en situación de desemprego e ser maiores de idade.
Estas formacións teñen por obxectivo conseguir un incremento das posibilidades de inserción laboral nas persoas que teñen discapacidade. Actualmente, a área de emprego que COGAMI ten en Pontevedra conta cunha base de datos na que hai 3.000 persoas inscritas como demandantes de emprego, das que 1.267 son mulleres e 1.733 son homes. No pasado ano, foron 295 persoas as que lograron inserirse laboralmente a través da Confederación.