A aula CEMIT do concello de Verín (Avenida de Portugal, 11) é o lugar onde, a partir deste luns 19 de febreiro, se vai impartir o curso de Operador de Ordenadores que vén de iniciar COGAMI.
Esta formación, que financia a Consellería de Política Social e cofinancia o Fondo Social Europeo no programa operativo de Galicia 2014-2020 para promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación, consta de 100 horas lectivas que se impartirán ata o día 16 de marzo, en horario de 9 a 14 horas, e está dividida nos seguintes módulos: procesador de texto, folla de cálculo e internet.
O curso inicia con 12 persoas (7 homes e 5 mulleres), que proceden dos concellos de Verín, Monterrei e Laza e comprenden unhas idades que oscilan dende os 36 ata os 61 anos. O obxectivo xeral desta acción formativa é coñecer a nivel usuario o funcionamento básico dun ordenador executando instrucións sobre as aplicacións máis comúns de ofimática e internet.
COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 252 persoas con discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual inscritas da comarca de Verín, 165 homes e 87 mulleres.