Un total de 15 persoas con discapacidade, 6 mulleres e 9 homes, veñen de iniciar nas instalacións do centro de atención diúrna que ten COGAMI en Monteporreiro (rúa Alemaña, nº23, baixo) un curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais.
Este curso denominado AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) está cofinanciado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional.
As persoas seleccionadas nesta formación proceden dos concellos de Pontevedra, Marín, O Grove, O Porriño, Vilagarcía e Redondela. Terán que superar un curso de 448 horas, das que 40 horas serán de prácticas en empresas, que se imparten en horario de tarde de luns a venres, co que rematará no mes de abril.
A maioría das persoas que fan o curso, con formación en graduado escolar, ESO e Bacharel, contan con experiencia laboral previa e precisan reorientar o seu perfil para outro tipo de ocupacións laborais, ou ben precisan traballar as competencias dixitais para mellorar a súa empregabilidade. Quen supere o curso, obterá un certificado de profesionalidade.
Dende o mes de novembro, a área de Formación de COGAMI está a iniciar cursos AFD en diferentes concellos galegos que se irán desenvolvendo neste período 2022-2023 ata acadar a cantidade dun total de 14 formacións concedidas. Todas estas accións formativas están dirixidas a persoas con discapacidade desempregadas, e teñen por finalidade mellorar a empregabilidade, incrementar as competencias profesionais e posibilitar a inserción no mercado de traballo.