• Novas
  • 21 de noviembre de 2022

COGAMI inicia curso de servizos administrativos e xerais en Santiago

COGAMI inicia curso de servizos administrativos e xerais en Santiago

Un total de 15 persoas con discapacidade, 14 mulleres e 1 home, veñen de inciar nas instalacións que COGAMI ten en Santiago de Compostela (rúa Modesto Brocos, nº7, baixos) un curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais.

Este curso denominado AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) está cofinanciado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional.

As 15 persoas seleccionadas nesta formación que consta de 448 horas, co que rematará no mes de abril, proceden dos concellos de Oroso, Santiago, Vedra, Ames e Brión. As idades son variadas, oscilan dende os 20 anos que ten a alumna máis nova ata os 53 da maior, se ben a media de idade das persoas que forman parte do curso son preto dos corenta anos.

A maioría das persoas que fan o curso, con formación en graduado escolar, ESO e Bacharel, contan con experiencia laboral previa e precisan reorientar o seu perfil para outro tipo de ocupacións laborais, ou ben precisan traballar as competencias dixitais para mellorar a súa empregabilidade.

A partir deste mes de novembro, a área de Formación de COGAMI iniciará 14 cursos AFD en diferentes concellos galegos que se irán desenvolvendo neste período 2022-2023. Todas estas accións formativas están dirixidas a persoas con discapacidade desempregadas, e teñen por finalidade mellorar a empregabilidade, incrementar as competencias profesionais e posibilitar a inserción no mercado de traballo.