COGAMI iniciou nas instalacións do Conservatorio de A Estrada un curso de Limpeza Hospitalaria no que se están a formar 9 persoas, 7 mulleres e 2 homes.
Este curso é unha das accións que contempla o programa de inserción laboral Máis Emprego que financia Obra Social “la Caixa” en colaboración co Fondo Social Europeo, co fin de acadar a empregabilidade das persoas con certificado de discapacidade ou con incapacidade laboral para a profesión habitual.
Cunha duración de 100 horas lectivas impartidas en horario de mañá, das que 30 son teóricas e 70 prácticas en empresas, esta formación ten como finalidade facilitar o acceso ao mercado de traballo, tanto se é por primeira vez como para conseguir unha reciclaxe profesional para aquelas persoas que a necesiten.
O alumnado, procedente dos concellos de Vilagarcía, Cuntis, Caldas, Silleda e Lalín, con idades entre os 44 e os 58 anos, asiste ás clases presenciais de 9 a 14 horas para ás que se lles dota de medios de protección e seguridade ante o COVID-19. Ata o 10 de maio terán que familiarizarse e asimilar os contidos que se lles van impartir sobre as regras fundamentais de limpeza hospitalaria e os sistemas elementais no manexo adecuado de refugallos sanitarios e a súa clasificación.
Tras finalizar esta actividade do programa Máis Emprego, realizarán un seminario complementario no que aprenderán ferramentas e técnicas a empregar para a busca activa de emprego.
Outros cursos programados
Para os vindeiros meses, están xa programadas formacións de Auxiliar de Servizos en Pontevedra; Expendedor de Combustible, Manipulador de Alimentos e Informática en Vilanova; Auxiliar de Almacén e Informática en Cangas, todos eles para desenvolverse antes do verán. Para despois do verán, iniciarán os cursos de Expendedor de Combustible, Manipulador de Alimentos e Informática no concello de Cuntis. As persoas interesadas en calquera destes cursos, pode contactar con COGAMI a través do teléfono 986 863 709 para pedir máis información.
Programa Máis Emprego
Este curso é unha das accións que comprende o programa de inserción laboral Máis Emprego que financia Obra Social “la Caixa” en colaboración co Fondo Social Europeo e que desenvolve COGAMI na provincia de Pontevedra.
Durante este primeiro trimestre de 2021, foron 56 as persoas atendidas a través deste programa, 36 mulleres e 20 homes, todas elas en situación ou risco de exclusión, co que se pretende traballar con elas a inserción sociolaboral, capacitándoas para a busca de emprego a través do trazado de itinerarios integrados e personalizados.
Dende que iniciou en 2017, polo programa Máis Emprego xa pasaron 399 persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral para profesión habitual, 185 mulleres e 214 homes, das que o 52% lograron a inserción laboral.