COGAMI inicia nas instalacións que ten en Ferrol (rúa Sánchez Calviño, nº 56-58) un curso de Persoal polivalente no que se están a formar 10 persoas con discapacidade procedentes dos concellos de Fene, Ferrol, Narón, Neda e Cedeira.
Esta formación está enmarcada no programa ‘Un a un’, financiado por Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo dentro da convocatoria de axudas económicas a proxectos de reforzo da empregabilidade de persoas con discapacidade no marco do programa operativo de inclusión social e economía social POISES 2022-2023.
A través de formacións como esta que se está a levar a cabo en Ferrol, preténdese dar resposta a unha demanda real de profesionais polivalentes, ao mesmo tempo que se mellora a oportunidade de empregabilidade destas dez persoas, todas elas apuntadas no Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI como demandantes de emprego.
O curso, que ten unha duración de 265 horas, das que 100 horas serán impartidas como prácticas en postos de traballo en empresas da comarca, englobará módulos sobre temáticas como comunicación e atención ao cliente, informática e xestións administrativas básicas, limpeza, tratamento e mantemento de mobiliario interior e solos, prevención de riscos laborais, primeiros auxilios e protección contra incendios.
Todas as persoas que iniciaron esta formación, ademais de coincidir en que teñen o certificado de discapacidade de como mínimo do 33% ou certificado de incapacidade laboral da Seguridade Social, comprenden entre os 40 e os 62 anos, e teñen experiencia laboral en sectores nos que traballaron anteriormente como hostalería, limpeza, comercio, electricidade, servizos de reparto, entre outros.
Formacións como esta que imparte COGAMI en Ferrol contribúen á preparación e cualificación de persoas con discapacidade desempregadas da comarca, pretendendo mellorar as súas posibilidades no mercado laboral, como así amosan os datos do ano pasado que reflicten que 45,6% das persoas que se formaron con COGAMI, lograron atopar traballo.