COGAMI iniciou un curso de Recepcionista-Conserxería que se está a impartir na aula CEMIT do Concello de Marín, ao que asisten 15 persoas, 9 mulleres e 6 homes, con certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual.
Cunha duración de 120 horas, 50 horas teóricas e 70 prácticas en empresas da zona, a través desta formación preténdese dotar de coñecementos e competencias ao alumnado tanto para que poida acceder por vez primeira ao mercado de traballo como para ofrecerlles a oportunidade de reciclarse profesionalmente.
As persoas participantes, con idades comprendidas entre os 30 e 60 anos, proceden dos concellos de Pontevedra, Marín, Vilagarcía de Arousa, Moaña, Cuntis e Pontecesures. Realizarán formación teórica que inclúe unha parte de ofimática aplicada ao posto para facilitar as adquisición de habilidades e competencias e unha formación práctica en empresas próximas da súa zona de residencia habitual, de cara a facilitar o contacto co tecido empresarial na busca de emprego.
Este curso forma parte do programa de inserción laboral Máis Emprego, que cofinancian Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, e está dirixido a persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral empadroadas na provincia de Pontevedra e con idades comprendidas entre os 18 e os 62 anos.