• Novas
  • 23 de abril de 2019

COGAMI inicia en Ourense un curso de ofimática

COGAMI inicia en Ourense un curso de ofimática


Ata o 21 de maio, COGAMI imparte un curso de formación de Ofimática Básica no que se están a formar 12 persoas con discapacidade (7 mulleres e 5 homes) e que se imparte nas instalacións que a Confederación ten en Ourense (Rúa da Farixa nº 3 B baixo).

Esta formación, que financia a Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo consta de 100 horas lectivas repartidas en horario de luns a venres de 9 a 14 horas, e está dividida nos seguintes módulos: Internet, Write e Cálculo.

O curso inicia con 12 persoas, 7 mulleres e 5 homes, con idades comprendidas entre os 42 e os 51 anos, que proceden dos concellos de Ourense, Barbadás e Pereiro de Aguiar. O obxectivo xeral desta acción formativa é coñecer a nivel usuario o funcionamento básico dun ordenador executando instrucións sobre as aplicacións máis comúns de ofimática e internet.

A maioría das persoas que forman parte do curso contan cun nivel formativo de educación básica, sempre traballaron nos sectores da construción, atención sociosanitaria, hostalería e produción industrial. Necesitan, polo tanto, reconverterse destes sectores ou traballos cara empregos máis tecnolóxicos. A través deste curso poden reciclarse e formarse para poder volver entrar no mercado laboral.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 1.095 persoas inscritas na comarca de Ourense, sendo 653 homes e 442 mulleres.