COGAMI inicia o mes de maio coa posta en marcha dun proxecto innovador centrado na investigación de novas metodoloxías, terapias e intervencións encamiñadas a mellorar a autonomía das persoas en situación de dependencia dende a idade temperá. Este novo proxecto levarase a cabo no Centro Galego de Desenvolvemento Integral para persoas con discapacidade (CEGADI), no barrio compostelán de Salgueiriños.
A Xunta de Galicia, en colaboración con COGAMI, promove o desenvolvemento deste proxecto que ten como obxectivo mellorar e posibilitar a inclusión das persoas con discapacidade física e/ou orgánica que precisen de apoios para unha recuperación funcional, así como para a promoción da súa autonomía persoal.
Dende principios de ano está a traballar neste proxecto un equipo interdisciplinar que inicia con 7 profesionais especialistas en fisioterapia, terapia ocupacional, traballo social, persoal investigador, expertos en accesibilidade e intermediación laboral. Este equipo será o encargado de avaliar as necesidades das solicitudes recibidas, para posteriormente deseñar un itinerario personalizado dentro dun plan integral de actuacións que comprenderá dende fisioterapia ata terapia ocupacional, logopedia, neuropsicoloxía, psicomotricidade, estimulación sensorial, habilidades sociais, coñecemento dos recursos da contorna, formación, emprego ou accesibilidade.
O proxecto abrangue tanto a menores dende idade temperá como adolescentes e etapas adultas con discapacidade física e/ou orgánica, priorizando aquelas que se atopen en situación de dependencia severa, que precisen axuda de terceira persoa e adaptacións tecnolóxicas de apoio para o desenvolvemento normalizado das actividades na súa vida diaria.
Durante os 4 anos de duración do proxecto, que contempla un orzamento de 2,6 millóns de euros, dos que a Consellería de Política Social achegará 1,7 millóns de euros, desenvolverase unha investigación a través do deseño e posta en marcha de metodoloxías, técnicas, protocolos e terapias que terán como elemento innovador a atención integral da persoa. Polo tanto, este proxecto innovador non só conta co modelo rehabilitador senón que promove a atención centrada na persoa, garantíndolle unha maior autonomía e o seu empoderamento.
Todos os datos recollidos da evolución da persoa así como os resultados, unha vez validados, poderán servir de referencia para a implementación ou mellora dos servizos a incluír na futura carteira de servizos comúns de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal para o colectivo de persoas con discapacidade.