• Novas
  • 10 de abril de 2017

COGAMI inicia un servizo de atención sexolóxica e detección de delitos sexuais: Dedaleira

COGAMI inicia un servizo de atención sexolóxica e detección de delitos sexuais: Dedaleira

COGAMI bota andar un novo servizo de cara á favorecer a igualdade e a non discriminación entre as persoas. Nace Dedaleira, un “Servizo de atención afectivo sexual e detección de delitos contra a identidade sexual das persoas con discapacidade”.

Financiado pola Obra Social La Caixa, este novo servizo inicia despois de que COGAMI e a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar) detectaran a necesidade de crear un proxecto específico para asesorar e informar sobre situacións afectivas e sexuais ante situación de violencia sexual (abusos, acoso,...) que poidan estar vivindo. Dende o ano 2006 COGAMI traballa a sexualidade como unha área máis da persoa con discapacidade, poñendo así en valor os dereitos historicamente loitados e recoñecidos.  En programas  anteriormente desenvoltos como “Aprendendo a Coñecernos”, as profesionais detectaron que un 80% das mulleres participantes viviron situacións de violencia ou acoso sexual na infancia ou mesmo na actualidade. Con Dedaleira preténdese evitar estas situacións e, de habelas, corrixilas.

Dúas profesionais, unha delas traballadora social, socióloga e axente de igualdade, Cristina Santos, e a outra, psicóloga, sexóloga e coach, Hadriana Ordóñez, son as que están ao fronte do servizo que resulta ser novidoso non só en Galicia, tamén no resto do Estado.
Os servizos similares que están en activo, ademais de ser escasos, están enfocados a persoas con discapacidade intelectual ou a menores, e céntranse maiormente en abusos sexuais nestes colectivos. Con Dedaleira, trataranse tamén aspectos positivos relacionados coa afectividade e sexualidade de persoas con calquera discapacidade, o seu entorno, sen haber límite de idade, algo que ata o de agora non se producía.

O servizo está dirixido a mulleres e homes con discapacidade, familiares e profesionais que traballen no ámbito da discapacidade. Tamén estase intentando levar a cabo alianzas con outras entidades do sector, galegas e de fóra, para asesoralas e compartir recursos e experiencias.

Decidir sobre o seu corpo segundo as necesidades propias, detectar e identificar situacións contra a liberdade e indemnidade sexual (agresións, violacións, abusos, acoso, intimidación) e sensibilizar e acompañar na capacitación da autodeterminación sobre o corpo das persoas con discapacidade son algúns dos obxectivos cos que bota a andar Dedaleira. Ademais, preténdese tamén mellorar os coidados íntimos, diminuír as infeccións, aumentar a atención médica especializada, mellorar o coñecemento e o uso de métodos anticonceptivos das persoas que se asesoren con Dedaleira.

Como contactar
Está a piques de inaugurar a páxina web nas que se publicarán aquelas situacións ou dúbidas que sexan maiormente trasladas ás profesionais do servizo. Tamén a través desta plataforma on line será posible trasladar as inquedanzas, experiencias, dúbidas ou vivencias que serán recollidas sempre de maneira segura, con protección dos datos. Outra posibilidade de poñerse en contacto con este servizo é chamando ao teléfono 600 200 022 ou enviando un correo a dedaleira@cogami.es. As consultas poden ser tamén presenciais, tras concertar unha cita, en horario de 8:30 a 19:00 horas de luns a xoves, onde pode achegarse a persoa ata COGAMI en Santiago, na rúa Modesto Brocos, 3º bloque, baixo, ou tamén pode haber casos nos as propias técnicas do servizo se poden desprazar.

Por que era necesario abrir un servizo de sexoloxía?
Aínda que se avanzou nos último anos, a sexualidade segue tratándose como un tema tabú que vén reforzado pola tendencia social a ver ás persoas con discapacidade como persoas infantes e non como adultas con necesidades, dereitos e obrigas. No caso das persoas con discapacidade física cun grao de autonomía significativo, non se dá a nivel social a visión infantil, pero existen prexuízos relacionados cos seus dereitos de reprodución, por exemplo. A través de Dedaleira preténdese crear un cambio transformador, derruíndo as visións limitantes e axudando ás persoas con discapacidade a vivir a súa sexualidade como elas decidan.

Que ofrece Dedaleira?
- Atención e información.
- Resolución de consultas.
- Atención individual.
- Asesoramento legal.
- Intervención psico-social.
- Formación especializada.
- Unidade específica de atención de delitos sexuais.

Algunhas das consultas tratadas ata o de agora
Problemas de amor non correspondido ou de como se pode namorar, como poder mellorar as disfuncións sexuais, que tipo de posturas son máis adecuadas segundo a tipoloxía da discapacidade da persoa, dúbidas que existen entre as persoas usuarias dos centros de recursos de COGAMI, como por exemplo a visualización de material pornográfico ou a masturbación, ou tamén como actuar cando hai unha parella nun centro de persoas con discapacidade, son algunhas das consultas resoltas ata o de agora. Dende Dedaleira intentan tratar todos os temas que xurdan de maneira natural, deixando de lado os prexuízos.