• Novas
  • 24 de enero de 2023

COGAMI lanza campaña de sensibilización na que cada mes reivindicará a participación social das persoas con discapacidade

COGAMI lanza campaña de sensibilización na que cada mes reivindicará a participación social das persoas con discapacidade

Estreamos ano 2023 con mensaxes alarmantes sobre a situación económica, os combustibles á alza, a calefacción á baixa pola subida do gas, con gastos básicos inasumibles para moitas familias e cunha situación política mundial convulsa da que nos chegan rabexadas. Se esta situación é complexa para todas as persoas, para as que teñen discapacidade, sendo máis vulnerables, vívena con máis perigo de converterse en excluídas socialmente.

Dende COGAMI queremos dar visibilidade durante todo este ano 2023 a unha campaña de sensibilización sobre as necesidades que tiñamos, temos e teremos de non darse o cambio social que necesitamos as persoas con discapacidade. Queremos facer unha chamada á acción durante este ano 2023 para visibilizar un grupo social que en Galicia está constituído por 243.323 persoas, segundo datos xerais do censo de persoas con discapacidade facilitados pola Xunta de Galicia, o que supón o 9% do total da poboación. “Pese a ser un número moi importante de persoas con moito que aportar, somos un grupo social que, pola súa vulnerabilidade, vivimos en risco de exclusión social”, apunta Anxo Queiruga, presidente de COGAMI.

Esta chamada vai ir acompañada dunha reivindicación mensual que lanzaremos a todos os medios de comunicación do país e tamén a través das redes sociais de COGAMI e do seu movemento asociativo, actualmente formado por 56 entidades membro representantes da discapacidade física e orgánica.

“Aínda que a situación mellorou coa aprobación de leis que amparan os nosos dereitos, certo é que aínda queda camiño por percorrer para poder ser consideradas e tratadas socialmente en igualdade de condicións que o resto da cidadanía”, subliña Anxo Queiruga, quen engade “por iso é necesaria lanzar esta campaña de sensibilización e denuncia, para que se visibilicen situacións que nos marxinan e nos impiden desenvolvernos en igualdade”.

Imos visibilizar mensualmente, coa inclusión de reportaxes e pezas audiovisuais en medios de comunicación e redes sociais, un ámbito de intervención no que traballamos, co fin de promover a participación social das persoas con discapacidade en igualdade de oportunidades. “A realidade que vivimos as persoas con discapacidade moitas veces pasa desapercibida para a sociedade, e a distancia cara á nosa inclusión social faise moito máis lonxana”, sinala Queiruga.

O obxectivo final da campaña é sensibilizar á cidadanía sobre a discapacidade, para que a traten con normalidade, como unha condición máis da persoa, ademais de reivindicar que os poderes políticos tomen conciencia de que moitas mulleres, homes, nenas e nenos coas súas familias, viven unha vida marcada polo incumprimento dos seus dereitos. Polo tanto, o poder político, debe implicarse en mudar esta realidade para poder construír unha sociedade inclusiva. “Unha sociedade xusta e inclusiva é aquela que conta con todas as persoas, con accións e políticas dirixidas ás persoas con discapacidade cun enfoque transversal e cunha metodoloxía de atención integral centrada nas persoas e nos seus proxectos de vida”, expresa Queiruga.

Baixo a etiqueta #SomosCOGAMI, dende a Confederación vanse lanzar 12 vídeos, un por mes, que recollerán diferentes demandas de COGAMI necesarias para conseguir a inclusión do grupo social das persoas que representa. A primeira peza audiovisual é un spot que recolle os diferentes servizos que desenvolve a Organización.

O resdo dos vídeos irán presentándose deste xeito:

Xaneiro. SOMOS COGAMI: Presentación Campaña.

Febreiro. SOMOS PARTICIPACIÓN: Promovemos a autonomía persoal

Marzo. SOMOS NENAS E MULLERES: Apoiamos ás nenas e mulleres con discapacidade.

Abril. SOMOS SAÚDE: Impulsamos a correcta intervención sociosanitaria.

Maio. SOMOS FORMACIÓN: Impartimos cursos orientados ao emprego.

Xuño. SOMOS EMPREGO: Xeramos oportunidades laborais.

Xullo. SOMOS LECER: Fomentamos actividades inclusivas.

Agosto. SOMOS PRESENTE, SOMOS FUTURO: Atendemos ás necesidades da infancia e a xuventude.

Setembro. SOMOS ACCESIBILIDADE: Deseñamos contornas espazos para todas as persoas.

Outubro. SOMOS UNIÓN: Traballamos en rede co movemento asociativo.

Novembro. SOMOS VOLUNTARIADO: Animamos á colaboración social.

Decembro. SOMOS REIVINDICACIÓN: Contribuímos á participación social en igualdade.