Os tres peiraos da comarca do Morrazo de titularidade autonómica situados en Bueu, Cangas e Moaña van ser analizados para mellorar a súa accesibilidade. Así o recolle un contrato asinado entre Portos de Galicia, titular das dársenas, e máis Combina Social, centro especial de emprego de titularidade de COGAMI.
O obxecto do contrato, por un importe de 10.000 euros, pasa pola redacción dun proxecto para a execución de obras de mellora da accesibilidade universal dos espazos urbanos nestes tres peiraos cun horizonte temporal máximo de 5 anos.
Combina Social deseñará unha rede de itinerarios accesibles, de acordo coa normativa vixente, enfocados principalmente ao tránsito de personas nestas dársenas. Deste xeito proxectarase actuar principalmente en aparcadoiros, sendas e espazos peonís de acceso libre, así como en elementos de urbanización, cruces, desniveis e mobiliario urbano.
O proxecto incluirá tamén o inventario de edificios públicos e itinerarios principais de mobilidade portuaria, para elaborar un diagnóstico da actual accesibilidade en todas estas zonas. Sobre esta base, elaboraranse propostas de solución e un plan de acción que incluirá a delimitación das áreas de consideración especial, as áreas de actuación e a orde de prioridade das actuacións.