• Novas
  • 10 de noviembre de 2022

COGAMI obtén o Selo EFQM 500 pola súa estratexia centrada na excelencia, innovación e sostibilidade

COGAMI obtén o Selo EFQM 500 pola súa estratexia centrada na excelencia, innovación e sostibilidade

COGAMI logra situarse no rango de 500 puntos que outorga o Selo de Excelencia Europea EFQM (European Foundation for Quality Management) como recoñecemento á súa xestión excelente. Convértese así na primeira entidade galega do Terceiro Sector que consegue este recoñecemento outorgado polo Club Excelencia en Xestión e que avalía tanto a calidade como a eficacia na xestión e innovación.

COGAMI vén de lograr na avaliación externa celebrada este ano 2022 chegar aos 500 puntos e superar a cualificación que tiña ata o de agora co selo 400+ EFQM que foi outorgado en 2013 e renovado ata o de agora, momento no que se supera esta cualificación.

O informe realizado na avaliación destaca, entre outros, que COGAMI mantén unha escoita activa cos seus grupos de interese, promove a participación, o traballo en equipo e o estilo de liderado fundamentado nun conxunto de guías e normas de conduta e tamén, que aposta pola transformación dixital a través de ferramentas tecnolóxicas que permiten optimizar a xestión da información organizativa e a prestación de servizos.

O camiño de COGAMI por lograr este certificado de mellora continua iniciou en 2006, cando a organización decide incorporar este sistema de xestión co fin de poder ofrecer os mellores servizos de calidade dirixidos ás persoas con discapacidade.

O Selo EFQM é a única certificación internacional que recoñece a xestión excelente, innovadora e sostible das organizacións, utilizando para isto a avaliación que vén sendo unha reflexión estratéxica global que ofrece unha visión integral, potenciando os puntos fortes e aproveitando as oportunidades de mellora.