Co fin de dar resposta ás necesidades específicas que teñen as mulleres con discapacidade, e tendo en conta a realidade social na que viven, dende a área de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI ofrécese un servizo de Atención Especializada á Muller con Discapacidade.
O Servizo, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade dende o 1 de xaneiro ata o 31 de agosto, presta información, orientación e asesoramento, ademais de intervención coa persoa e coa familia. Ten como finalidade que a muller poida acadar os seus obxectivos mediante a realización de intervencións individualizadas e colectivas dirixidas á adquisición de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da súa empregabilidade, ademais de accións encamiñadas a que as mulleres se introduzan no mercado laboral.
Para dar resposta a todas as demandas de atención especializada ás mulleres, COGAMI conta con traballadoras sociais en cinco centros de traballo: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo, a través dos cales se poderán beneficiar ao longo deste período 80 mulleres con discapacidade, como mínimo.
Con programas como este contribúese á consecución de obxectivos vitais de cada unha das mulleres participantes, ao dotalas dunha maior autonomía e independencia que mellorará a súa situación persoal, social e laboral. Tamén pretende previr e dotar ás mulleres de recursos persoais suficientes para afrontar posibles situacións de risco, adquirir un maior empoderamento persoal e promocionar a activación de cara á busca de emprego.