• Novas
  • 26 de agosto de 2021

COGAMI participa na presentación do proxecto Monitores por un Camiño Accesible dentro do programa O teu Xacobeo

COGAMI participa na presentación do proxecto Monitores por un Camiño Accesible dentro do programa O teu Xacobeo

As instalacións do centro de recursos de COGAMI en Mos acolleron a presentación de Monitores por un Camiño Accesible, un proxecto que está enmarcado no programa O Teu Xacobeo e que foi presentado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, nun acto organizado pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+).

Esta iniciativa, coa que colabora COGAMI a través da súa área de Accesibilidade, desenvolverase durante os días 31 de agosto e 1 e 2 se setembro en cinco dos municipios que atravesa o Camiño Portugués e o da Costa nas localidades de Mos, Baiona, Sanxenxo, Vilagarcía e Santiago, onde se realizarán obradoiros presenciais e online de actividades náuticas.

A finalidade destes obradoiros é dar a coñecer o Camiño de Santiago como unha ruta accesible por mar e por terra, formar a monitores e acompañantes de persoas con discapacidade e a concienciar na mellora de instalacións e equipamentos. En palabras do membro da Xunta Directiva de COGAMI, Celso Álvarez, “Todas as oportunidades que poidan visibilizar a accesibilidade son importantes. Estamos xa colaborando con AGAN+, para que as actividades sexan abertas para todo o mundo.”

A Delegada Territorial da Xunta destacou o contido da iniciativa como “cun marcado carácter innovador e social, atendendo á diversidade, como xerador de coñecemento, contribuíndo á sustentabilidade social e económica”, tras defender a promoción da accesibilidade dende a formación, polas oportunidades que representa este tipo de turismo.

O proxecto inclúe a organización dun workshop en Santiago de Compostela o día 31 de agosto, composto por dous obradoiros de formación dirixidos a monitores e persoas que poidan apoiar e axudar, principalmente no eido familiar, a persoas con discapacidade agrupadas en asociacións. Os días 1 e 2 de setembro, o programa presencial. Tamén se impartirán dous cursos de formación online, un dirixido a familiares de persoas con mobilidade reducida e outro a monitores deportivos, socioculturais e educativos.