Perfís sanitarios, científicos e xurídicos participaron nunha xornada centrada na saúde mental da muller dende unha perspectiva multidisciplinar organizada pola Consellería de Sanidade. Unha das convidadas a participar nesta xornada foi a coordinadora da área Sociosanitaria de COGAMI, Laura Quintas, quen centrou a súa intervención dende o punto de vista das entidades sociosanitarias.
Laura Quintas resaltou importancia de que, cada vez que se fai unha xornada que fala de saúde, darlle voz tanto á persoa que é paciente como tamén ás entidades que representan a estas pacientes. “A principal labor do movemento asociativo non só é acompañar, senón que é visibilizar e traballar porque o sistema sanitario mellore e dea oportunidades ás persoas con enfermidade”, iniciaba Laura Quintas.
Durante a intervención, Quintas tamén describía o importante labor que realizan as asociacións de pacientes, segundo dixo porque “vimos a cubrir un espazo que a Administración non chega a cubrir por falta de tempo ou recursos” e, aproveitando a presenza do Conselleiro de Sanidade, apuntoulle que “os recursos son necesarios”.
A coordinadora da área Sociosanitaria de COGAMI expresaba tamén a importancia que ten o movemento asociativo porque axuda a visibilizar, a cambiar a sociedade e colabora coa Administración con plans que moitas veces parten das asociacións insistindo na necesidade da súa creación para que se coñeza o que está pasando. “O papel fundamental do movemento asociativo é darlle voz a todas esas persoas que individualmente non a teñen”, indicaba.
Para finalizar, Laura Quintas diferenciaba o entorno urbano do rural argumentando que “Nun entorno urbano temos maior acceso a calquera tipo de servizos que no ámbito rural, acceder a calquera servizo sanitario ou social ás veces é incluso unha utopía porque non tes como facelo”.