O centro de recursos que COGAMI ten en Fingoi desenvolve, dende o ano 2019 xunto a entidades sociais de Grecia, Romanía e Lituania, o proxecto europeo Artability+, integrado no programa Erasmus+, unha oportunidade de formación dirixida a persoas adultas con discapacidade coa que se pretende mellorar a súa participación e inclusión social mediante a xeración de expresións artísticas e do consumo de cultura en contornas normalizadas.
Durante esta xornada de presentación, que tivo lugar no día de hoxe no Museo Provincial de Lugo, déronse a coñecer os materiais elaborados así como os resultados acadados no marco do proxecto que inclúen entre outros o currículum formativo deseñado, vídeos titoriais de técnicas artísticas e un catálogo de boas prácticas na contorna da arte con persoas con discapacidade.
Ademais contouse coa colaboración de Experimentadanza para a experimentación insitu dunha peza de arte inclusiva.
Os materiais presentados estarán a disposición das persoas de forma gratuíta na web do proxecto.
Ao longo dos case tres anos de duración do proxecto, COGAMI xunto coas entidades participantes, intercambiaron coñecementos, información e boas praxes, deseñaron e experimentaron un currículum formativo e organizaron diversas exposicións nos diferentes países para amosar algunhas das pezas creadas. En todos os procesos, as persoas adultas con discapacidade foron as protagonistas deste proxecto e non meras receptoras do coñecemento.