Foi durante a XXXI Asemblea Xeral Ordinaria o espazo escollido por COGAMI para presentar o modelo de cálculo de valor social no que a Organización está traballando dende hai dous anos e que, durante o ano pasado, trasladou esta análise aos centros especiais de emprego que forman parte de Galega de Economía Social.
O director da área Económica e Financeira, Juan Suárez, explicou como COGAMI traslada dentro da sociedade o valor que xera, o impacto que producen os servizos que desenvolve e como estes contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade, familias e o resto da súa contorna.
Tras analizar as variables que abordan o proceso metodolóxico que se segue para monetizar o cálculo de valor social, extráese o dato de que COGAMI aporta 3,94 euros á sociedade por cada euro que recibe como financiamento por parte da Administración Pública. A través desta metodoloxía tamén se cuantifican os beneficios das actividades que realiza COGAMI na contorna: de cada euro que inviste para desenvolver a súa actividade este incrementa en 1,70 euros.
“O cálculo do valor social na nosa Organización permítenos ser máis transparentes cando presentamos a utilización dos nosos recursos: os servizos que prestamos ás nosas persoas usuarias, como contratamos ás/aos nosos profesionais, como contribuímos no desenvolvemento económico do noso país, en definitiva, como COGAMI devolve á sociedade o que recibe”, explicaba Anxo Queiruga, o presidente de COGAMI ás persoas representantes das entidades membro.
Para finais de xuño estímase presentar o resultado integrado co valor social que están a xerar os centros especiais de emprego promovidos por COGAMI. Esta contabilidade social estenderase tamén ás entidades que forman parte da Organización, tanto para que cada unha delas poida calcular o impacto social que xera dentro do ámbito no que traballa, como para poder contar cun resultado global do impacto social que xera o movemento asociativo COGAMI.