• Novas
  • 01 de septiembre de 2022

COGAMI presta o servizo de atención temperá no Concello de Arteixo

COGAMI presta o servizo de atención temperá no Concello de Arteixo

A Concellería de Igualdade, Servizos Sociais, Sanidade e Educación do Concello de Arteixo conta con COGAMI para poñer en marcha o servizo de Atención Temperá municipal, co obxectivo de detectar posibles necesidades ou trastornos de desenvolvemento entre nenos e nenas de 0 a 6 anos, ou que están en risco de padecelos.

Este servizo, que resulta ser de balde para as familias, desenvólvese no baixo das instalacións da Residencia de Maiores e Gardería Infantil de Arteixo sito na Rúa Río Tambre s/nº de Arteixo en horario de mañá e tarde. Estará dirixido por un equipo de profesionais especializado en fisioterapia, psicoloxía e logopedia que se encargará de facilitar medios e recursos precisos para potenciar as capacidades de desenvolvemento e benestar das nenas e nenos, facilitándolles unha vida o máis autónoma posible.

Ofrecerá prestacións individualizadas como a diagnose e a valoración dos trastornos do desenvolvemento psicomotor e cognitivo das nenas e nenos, da linguaxe e a comunicación, da autonomía e da área social e afectiva, sempre ofrecendo apoio, información, habilitación e formación ás familias.

A metodoloxía que segue é a través do trazado dun Plan de Atención Individualizado,  poñendo en común os obxectivos a conseguir con cada neno polos profesionais do servizo cun enfoque centrado na persoa e que é validado coas familias.

COGAMI conta con máis de trinta e cinco anos de experiencia na atención de persoas con discapacidade, iniciando en 2020 a prestación do servizo de atención temperá na Mancomunidade do Baixo Miño, en decembro de 2021 inicia o servizo nos concellos de Abegondo, Bergondo e Carral e en setembro deste ano 2022 no Concello de Sada.

Para solicitar o servizo as familias deberán contactar co Departamento de Servizos Sociais, nesta dirección de correo: servizos.sociais@arteixo.org // borja.rey@arteixo.org   ou no teléfono 619 569 149.