• Novas
  • 19 de enero de 2018

COGAMI remata curso de Auxiliar de Tenda e Paquetería que impartiu en A Coruña con entrega de diplomas

COGAMI remata curso de Auxiliar de Tenda e Paquetería que impartiu en A Coruña con entrega de diplomas


O vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, e mailo director de RSC de Tempe, Francisco González Macia, foron os encargados de levar a cabo a entrega de diplomas do curso de Auxiliar de Tenda e Paquetería que durante catro meses impartiu COGAMI nas instalacións que ten en A Coruña.

Financiado por Tempe, este curso que estivo dirixido a persoas con discapacidade e en situación de desemprego, contou coa participación de 8 persoas de A Coruña e arredores (4 alumnas e 4 alumnos) que asistiron ás 430 horas de clases obrigatorias, das que 280 horas foron teóricas. Para completar a formación, o alumnado contou coa oportunidade de realizar durante 150 horas clases prácticas nas tendas NIKE, PIKOLINOS, KRACK ZAPATERÍAS, GEOX e TEMPE que están situadas no centro comercial The Style Outlet de Culleredo. Estes establecementos colaboraron desinteresadamente na preparación do alumnado, apoiáronnos na atención ao público e tamén na colocación e distribución da mercadoría e do almacén.

A finalidade desta iniciativa formativa é facilitarlle ao alumnado a súa inclusión no mercado laboral, ofrecerlle coñecementos teóricos e prácticos para desenvolverse como profesionais do sector do comercio. E precisamente o curso remata cunha inserción laboral nada máis rematar a formación.

Durante a entrega de diplomas, ademais do alumnado, estiveron presentes os familiares e tamén as persoas que se encargaron de supervisar as prácticas en tenda. Todas elas aplaudiron e apoiaron estas formacións de Auxiliar de Tenda e Paquetería que xa é o segundo ano que se desenvolve.

A tenda Tempe situada na outlet de Culleredo está dentro do proxecto social For&From, un exemplo de aposta pola integración laboral de persoas con discapacidade. Outras tres tendas outlet de Inditex que están en Allariz, Massimo Dutty e Tempe, e en Ferrol, Pull&Bear, están xestionadas por Integratex, unha iniciativa de Galega de Economía Social.