• Novas
  • 03 de agosto de 2020

COGAMI remata o curso de xestión de stocks que impartiu en A Estrada

COGAMI remata o curso de xestión de stocks que impartiu en A Estrada


COGAMI finaliza o curso de Xestión de Stocks impartido en A Estrada dentro do programa de inserción laboral Máis Emprego que financia Obra Social “la Caixa” en colaboración co Fondo Social Europeo.

Un total de 10 persoas recolleron o seu diploma tras finalizar esta acción formativa que contou con 75 horas lectivas impartidas en horario de mañá, tendo como obxectivo facilitar o acceso ao mercado de traballo por primeira vez ou reciclar profesionalmente a aquelas persoas que o necesiten.

Procedente dos concellos de A Estrada, Caldas, Moraña e Silleda, e con idades entre os 20 e os 62 anos, o alumnado asistiu ás clases presenciais durante quince días, para as que contaron con todos os medios de protección e seguridade ante o COVID-19. Durante a formación, afondaron sobre a xestión dun almacén tanto a nivel estrutural como de organización de documentación, así como levar a cabo pedidos, realizar inventario, a loxística, ademais de seguridade e prevención de accidentes e riscos laborais.

Finalizado este curso, o alumnado realizará un seminario complementario no que aprenderá a manexar tanto ferramentas como técnicas que os orienten de cara aos procesos de selección de emprego e a posterior inserción laboral.

Máis Emprego

O programa Máis Emprego ten por finalidade acadar a empregabilidade das persoas con certificado de discapacidade ou con incapacidade laboral para a profesión habitual. Dende que iniciou en 2017, este programa atendeu ata o de agora a un total de 410 persoas (185 mulleres e 225 homes), das que 275 se formaron nalgún dos 21 cursos impartidos.

De todas estas persoas que pasaron polo programa Máis Emprego, conseguiron inserirse laboralmente un total de179, sendo 88 mulleres e 91 homes, contando este programa cunha porcentaxe de inserción que supera o 43%.

En 2020 lévanse impartidos 3 cursos nos que se formaron 23 homes e 11 mulleres, logrando a inserción laboral de 9 persoas. Para os vindeiros meses, está programado o inicio de cursos de: Nova edición de Auxilliar de Servizos; Manipulación de alimentos; Expendedor de combustible; Acompañante de transporte adaptado; Limpeza hospitalaria e Carretilla, ademais de diferentes Accións de mellora da empregabilidade.