• Novas
  • 02 de septiembre de 2020

COGAMI retoma a atención grupal nos centros que ten en Mos, Monteporreiro e Medelo

COGAMI retoma a atención grupal nos centros que ten en Mos, Monteporreiro e Medelo


Persoas usuarias dos centros de recursos que COGAMI ten en Mos, Monteporreiro e Medelo acudiron ao centro para retomar a práctica das actividades en grupo, suspendidas durante o pasado mes de marzo tralo decreto do estado de alarma.

Esta decisión tomouse despois de establecer protocolos de actuación e recomendacións coordinadas entre profesionais de COGAMI e as Consellerías de Política Social e Sanidade, atendendo en todo momento ás especificidades e necesidades do centro mediante un traballo conxunto e fluído con ambas consellerías de cara a garantir unha atención integral centrada na persoa. Ditos procedementos foron aprobados pola áreas sanitarias de actuación dos tres centros.

Durante estes primeiros quince días, acoden ás instalacións un máximo do 50% das persoas usuarias dos centros; o resto irá incorporándose de maneira gradual, sendo o 75% dentro de quince días e, a partir do día 1 de outubro, incorporarase a totalidade das persoas usuarias do centro. As persoas que non reciben a atención grupal, continuarán, como xa facían ata o de agora, coa atención telemática e individualizada dende as súas casas.

Co fin de cumprir coa norma vixente de seguridade, tanto para as persoas traballadoras como tamén para as usuarias, deseñouse un plan de acción que comprende unha enquisa clínico-epidemiolóxica diaria, a toma de temperatura, a utilización de máscaras, lavado de mans con auga e xabón, mantemento de distancia física, uso xeles hidroalcólicos, cobertura dun rexistro de control de acceso, ademais da desinfección de instalacións, vehículos e produtos de apoio.

Tanto Mos como Medelo e Monteporreiro contan cun comité de coordinación formado por profesionais do centro que se encargará de actualizar, implantar e facer seguimento do plan de acción establecido para que a actividade no centro poida desenvolverse da maneira máis normalizada posible e acorde coa nova realidade que estamos vivindo.