COGAMI retoma a actividade formativa tralo parón obrigatorio que sufriu polo COVID-19. Un dos primeiros cursos que imparte neste mes é de Informática Básica no que participan 10 persoas, 7 homes e 3 mulleres, sendo dos concellos de Lalín, A Estrada, Barro, Silleda, Pontevedra, Marín e Vilanova de Arousa. O outro curso iniciado é de Alfabetización informática no que participan 8 persoas, 3 homes e 5 mulleres, da provincia de Lugo, e dos concellos de: Viveiro, As Nogais, Outeiro de Rei e Lugo.
Ámbalas formacións, que financian a Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, van ser totalmente impartidas en formato on line a través da plataforma virtual Moodle, sendo para ilo imprescindible que o alumnado teña un ordenador con conexión a Internet para poder levalo a cabo.
Os cursos, para os que é necesario dispoñer do certificado de discapacidade do 33% como mínimo, constan de 100 horas lectivas que se imparten en horario de 9 a 14 horas e co obxectivo xeral de coñecer a nivel usuario o funcionamento básico dun ordenador executando instrucións sobre as aplicacións máis comúns de ofimática e internet.