• Novas
  • 29 de mayo de 2017

COGAMI reúne en Ourense ao movemento asociativo na asemblea anual

COGAMI reúne en Ourense ao movemento asociativo na asemblea anual

Despois de 27 anos dende o seu nacemento, por primeira vez a COGAMI realiza a súa asemblea xeral ordinaria na cidade de Ourense, concretamente nas instalacións do CIS Aixiña, entidade que forma parte da Confederación xunto a outras 57 asociacións máis.

Máis de sesenta persoas chegadas dende o movemento asociativo da discapacidade e a enfermidade crónica, desprazaranse ata a cidade das Burgas para asistir a unha xornada de traballo na que se dou conta de como foi a Organización durante o ano 2016 e cales son as propostas que ten encamiñadas para este ano.

Datos acadados por COGAMI presentados na Asemblea

Entre os datos presentados na memoria de actividades de 2016 resaltan as 2.112 persoas con discapacidade que encontraran emprego en toda Galicia, 148 na provincia de Ourense, un dato que a Organización quere superar e para iso traballa. Dende COGAMI intentan que das preto de 27 mil persoas inscritas en toda Galicia como demandantes de emprego na base de datos do Servizo de Intermediación Laboral, das que o 12% proceden da  provincia de Ourense, poidan conseguir un traballo. 

E a inclusión ao mercado laboral inicia pola preparación, por iso impártense cursos de formación destinados a persoas con discapacidade, para dotalas de competencias cara ao emprego. En 2016 formáronse con COGAMI 364 persoas nos 26 cursos impartidos, dos que 2 foron en Ourense e 1 en O Barco de Valdeorras.

COGAMI tamén se encarga de informar, asesorar e sensibilizar sobre a discapacidade. A área de Traballo Social atendeu máis de 2.200 consultas con temática relacionada coa obtención do certificado da discapacidade, a xestión de recursos públicos, a accesibilidade nas vivendas, traballou o empoderamento das mulleres con discapacidade e impartiu máis de 70 charlas de sensibilización e prevención de lesións medulares en centros escolares e cívicos.

Outros servizos que presta COGAMI están relacionados co lecer, co desenvolvemento de actividades deportivas ou lúdicas que permiten a participación de todas as persoas, sen exclusión, teñan ou non discapacidade. En 2016 participaron 735 persoas nas 50 actividades que se organizaron para todo o movemento asociativo.

COGAMI ten en Galicia 11 centros especiais de emprego de economía social que teñen empregadas a máis de 800 persoas, máis do 90%  destas con discapacidade. Un destes centros de economía social é Integratex, localizado na outlet Allariz, que conta coa Tenda Massimo Dutty e Tempe, nas que traballan 15 persoas.

Todos estes centros especiais de economía social carecen de barreiras arquitectónicas, asesorados por un equipo experto en accesibilidade universal que atende consultas tanto de particulares como da Adminsitración. En 2016 esta área atendeu 288 consultas sobre accesibilidade e participou en xornadas de sensibilización na que sentaron a representantes municipais en cadeiras de rodas para que puideran vivir en primeira persoa as dificultades de tránsito que pode haber.

Preto de 300 persoas da provincia de Ourense participaron en terapias de fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, atención psicolóxica e usaron o transporte adaptado, tanto para desprazarse ata o centro Aixiña como tamén para participar en actividades de lecer.

Peche da asemblea

Ao ser o primeiro ano que se celebra a asemblea na provincia de Ourense, COGAMI contou coa presenza de representantes da Administración, coincidindo que todos eles son naturais da provincia, como foron o Presidente do Parlamento de Galicia, o Alcalde de Ourense, a Directora Xeral de Familia, a Deputada Provincial de Benestar e a Presidenta de Discafis COGAMI. O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, agradeceulles o “apoio prestado a COGAMI e ao seu movemento asociativo”.

Todos os convidados coincidiron en recoñecer publicamente o labor que desenvolve COGAMI a favor das persoas con discapacidade e anunciaron o seu compromiso para seguir prestándolle o seu apoio á Organización.