O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha xuntanza en Santiago co presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, na que abordaron as ferramentas coas que conta a Xunta para apoiar o emprego inclusivo.
Conde puxo en valor o labor e esforzo que leva a cabo COGAMI para que Galicia siga avanzando cara á inclusión das persoas con discapacidade, como o constata a xestión de 11 iniciativas empresariais de economía social que empregan a máis de 800 persoas, e que a Consellería apoiou cun financiamento que superou os 4 millóns de euros.
Dende a Consellería, volveron reiterar o seu apoio para este ano aos centros especiais de emprego, aumentando o orzamento nun 18% con respecto ao ano pasado, chegando a 12,2 millóns de euros a contía, para impulsar a posta en marcha e mantemento de instalacións, ademais de colaborar nos custes salariais do persoal laboral.
Francisco Conde comentoulle a Anxo Queiruga que para este ano dende a súa consellería queren primar a creación de postos de traballo para os colectivos con máis dificultades para acceder ao emprego, como son as persoas con discapacidade.
O Goberno galego conta tamén con axudas específicas para incentivar a contratación por conta allea dos colectivos con maiores dificultades de inserción como son os apoios para a integración laboral na empresa e o de emprego con incentivos por cada contratación.
Con respecto aos apoios da Administración autonómica para impulsar a inserción laboral das persoas en risco de exclusión social, o conselleiro informou a COGAMI de que a Xunta vén de aprobar un programa especifico para este colectivo dotado con 7,6 millóns de euros para beneficiar a 900 persoas e que inclúe tres liñas de axudas.