COGAMI, en colaboración con COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) entidade estatal da que forma parte, desenvolveron durante o ano 2020 un proxecto de educación inclusiva e de soporte á atención do alumnado con necesidades educativas por motivo da súa discapacidade.
Tendo por obxectivo promover a escola inclusiva e a igualdade real de oportunidades entre o alumnado con discapacidade, o equipo profesional distribuído nas sedes de A Coruña, Lugo e Vigo, contactou con 70 centros educativos nos que impartiron 69 obradoiros de sensibilización aos que asistiron un total de 1.420 alumnas e alumnos.
Outras das actividades que contempla este programa de educación inclusiva é a formación dirixida a docentes, impartíndose en 2020 un total de 28 accións formativas nas que participaron 327 docentes. Ademais, asináronse 28 compromisos con outros tantos centros educativos e asesorouse a 11 familias, dirixindo cara estas, 3 obradoiros de alfabetización dixital básica para nais e pais e nos que participaron un total de 16 persoas.
Ademais dos centros educativos e das familias, o programa de formación inclusiva traballou tamén con 14 entidades e iniciou a operar coas Universidades de A Coruña e Vigo. Outras xestións realizadas foron a execución de 9 charlas de comunicación e o préstamo de 41 produtos de apoio dirixidos a facilitarlles a estadía nas aulas ao alumnado con discapacidade.