A misión de COGAMI é conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, sendo piar importante nesta misión o poder gozar das mesmas oportunidades como son as laborais porque, cando se consegue un traballo, é posible deseñar un proxecto de vida como calquera persoa.
Dende COGAMI estase a traballar co sector empresarial por consideralo eixo imprescindible no motor de cambio social, as empresas son os motores da sociedade, as que permiten a inclusión das persoas e tamén, as que teñen a responsabilidade de aportar valores inclusivos, participativos, igualitarios e proactivos dentro dos seus cadros de persoal.
É unha realidade o dato de que as persoas con discapacidade teñen maior taxa de desemprego que o resto da poboación e, no caso de estar traballando, teñen as peores condicións laborais, nas que proliferan os contratos a tempo parcial e salarios máis baixos. Outra discriminación que sofre este colectivo é o convivir cos prexuízos, estereotipos e falsas crenzas que se crean por descoñecemento.
Para poder reverter esta situación de desigualdade, dende o equipo profesional do Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) considérase necesario involucrar á empresa como elemento integrador, socialmente responsable para xerar un cambio na sociedade, facéndoa máis xusta, igualitaria e inclusiva. Un dos pasos que dá este servizo é a visita a empresas, co obxectivo de dar a coñecer o servizo, eliminar estereotipos, falsas crenzas, prexuízos e rachar barreiras co fin de que a situación se reinvista no logro de oportunidades para as persoas con discapacidade.