• Novas
  • 17 de julio de 2018

COGAMI solicítalle ao Concello de Santiago tomar medidas que garantan o funcionamento do servizo de Eurotaxi

COGAMI solicítalle ao Concello de Santiago tomar medidas que garantan o funcionamento do servizo de Eurotaxi

Ante a situación que segue a producirse no servizo de taxi adaptado e que deixa sen cubrir as demandas de transporte das persoas con mobilidade reducida, COGAMI mantivo unha reunión na pasada semana co Concello de Santiago de Compostela.

Na xuntanza, á que asistiron o Presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Anxo Queiruga Vila, acompañado de María Jesús Pérez Piñeiro, membro da xunta directiva da Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e Comarca (AMICO), e o Concelleiro responsable de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais, Jorge Duarte Vázquez, e a Xefa do Servizo de Contratación e Servizos Comunitarios, Rocío Montañés Fernández, deuse traslado por parte das entidades ás carencias que seguen a repetirse á hora de que as persoas con discapacidade poidan facer uso dun taxi adaptado, inclusive no aeroporto, polo que non se trata dunha cuestión específica das persoas que residen no Concello, senón tamén das persoas con dificultades de mobilidade que visitan Santiago, ben sexa por cuestións profesionais, de lecer,... O servizo de EUROTAXI ten que atenderse axeitadamente para garantir a mobilidade daquelas persoas que non poden desprazarse nos medios de transporte colectivos habilitados.

Malia que a lexislación establece que unha cota mínima do 5% das licencias de taxi existentes teñan que corresponder a vehículos adaptados, segue sendo frecuente atoparnos ante demoras na prestación do servizo de ata 2 horas no aeroporto, por exemplo.

Entre as queixas máis reiteradas salientar que non se permiten facer reservas de Eurotaxis, a escasa dispoñibilidade ou que haxa quendas que non conten con ningún vehículo adaptado, así como asumir suplementos e/ou incrementos derivados de que se poña en funcionamento o taxímetro durante a carga e descarga da cadeira de rodas, ou que o vehículo se atopa lonxe do lugar onde se solicita.

Dende COGAMI, á súa vez recomendamos ás persoas con discapacidade que ademais de estar informadas dos nosos dereitos, temos que solicitar e presentar as reclamacións ou denuncias oportunas mediante as follas de reclamación que todos os vehículos que realizan este servizo público teñen a disposición das persoas. Facemos ademais un chamamento a que as persoas con discapacidade soliciten as axudas individuais que convoca o Concello de Santiago para os desprazamentos en taxi e que permiten corrixir desigualdades existentes no eido do transporte.

Medidas acordadas na xuntanza

- O establecemento dun maior número de licenzas de Eurotaxi. Actualmente o Concello de Santiago conta con 7 eurotaxis (aínda que 2 destes vehículos nunca están dispoñibles) e garantir chegar a 10.

- Esixir por norma aos xestores dos vehículos adaptados a existencia de, ao menos, un eurotaxi en cada quenda, e traballar na mellora da coordinación do servizo.

- Garantir a dispoñibilidade de, ao menos, un taxi adaptado en instalacións de saída e chegada de viaxeiras/os (aeroporto, estacións de tren e bus, etc.).

- Asegurar a posibilidade de realizar reservas de eurotaxi con antelación, como calquera cidadá.
Incidir en que se cumpra o réxime tarifario para erradicar o sobrecuste que se ven obrigadas a asumir as persoas usuarias.


- Implementar expedientes sancionadores a aqueles profesionais do sector que non adopten as condicións impostas no concurso de adxudicación polo cal obtiveron a autorización.

COGAMI recorda que para moitas persoas con discapacidade o taxi adaptado é a única alternativa de transporte posible, e que han de prestar servizo de forma prioritaria ás persoas con mobilidade reducida. Así mesmo, os eurotaxis teñen que estar dispoñible os 365 días do ano e as 24 horas do día, e de xeito inmediato en condicións de igualdade para toda a cidadanía.