Un total de 29 zonas de Santiago de Compostela, que arestora non cumpren coa Lei de Accesibilidade, serán intervidas a partir do mes de xuño, segundo comunicou o concelleiro de Barrios e Obras do concello de Santiago, Javier Fernández, durante unha xuntanza mantida co presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, na que tamén estivo presente o coordinador da área de Accesibilidade de COGAMI, Álvaro García.
Estes puntos que se van mellorar foron seleccionados tralas preto de 300 incidencias recibidas no servizo de Proxectos e Obras do Concello de Santiago procedentes dun estudo elaborado por COGAMI no que analizou todo o percorrido dende a Avenida de Lugo ata Vista Alegre, e a través doutras entidades da cidade como AMICO e ACEM Santiago, ademais das derivadas pola Liña Verde do Concello.
Cun orzamento dispoñible de 230.384 euros, as primeiras intervencións que se levarán a cabo foron seleccionadas tendo en conta conceptos como a seguridade, localización e importancia urbana, o grao de accesibilidade actual, a demanda cidadá e valoracións técnicas.
As 29 incidencias en accesibilidade están repartidas por toda a cidade, dende Avenida Xoán XXIII ata Rúa do Banquete de Conxo, Rúa Irmandiños xunto ao IES Arcebispo Xelmírez, Romero Donallo, García Lorca, Fontes do Sar, Avenida da Liberdade e as rúas do Hórreo, República Arxentina e Praza de Galicia. As obras que arestora se están acometendo na Rúa Concheiros foron xa revisadas pola área de Accesibilidade de COGAMI.
Dende COGAMI, Anxo Queiruga agradece a “boa disposición do Concello de Santiago, co que xa hai tempo que traballamos conxuntamente na mellora da accesibilidade e seguiremos traballando nesta liña”. Pola súa parte, o Concelleiro reiteraba a súa disposición a que Santiago sexa unha cidade máis inclusiva e engade que “no pleno do concello volvín incidir que este ano poñan enriba da mesa máis de 300.000€ para accesibilidade que non vexo que sexa incompatible con actuacións na seguridade viaria”.
Dende o Concello, Javier Fernández comprometeuse a que todas as obras que se vaian realizar en Santiago vano facer cumprindo coa norma en accesibilidade e para iso contará coa supervisión das entidades do sector da discapacidade.