COGAMI é unha das entidades membro de EAPN Galicia de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social que se une á campaña #EmerxenciaVivenda, un chamamento á visibilización sobre a emerxencia residencial e habitacional na que viven máis de 11 millóns de persoas en España e para proclamar o dereito a unha vivenda digna, adecuada e accesible.
En Galicia, un 35% da poboación, case un millón de persoas, están afectadas por algún indicador de exclusión na vivenda, como infravivenda, deficiencias graves na construción, insalubridade, amontoamento, tenencia da vivenda en precario, contorna degradada, fogares con barreiras arquitectónicas ou desproporción de gastos en vivenda fronte a ingresos. Esta porcentaxe elévase ao 66% na poboación en exclusión severa.
Primeiro coa pandemia e agora coa crise enerxética e a suba da cesta da compra, tamén aumentaron os gastos derivados do acceso á vivenda, agravando esta emerxencia co aumento de persoas afectadas por atrasos nos pagos de hipoteca, alugueiro, recibos, pobreza enerxética e obrigando a moitas familias a ter que priorizar estes gastos por riba doutros como a calidade da súa alimentación.
Por iso dende EAPN Galicia e todas as entidades que como COGAMI formamos parte, unímonos a esta campaña de #EmerxenciaVivenda para denunciar que na maioría de comunidades autónomas e concellos hai unha clara falta de dotación orzamentaria así como de políticas e medidas fortes e cohesionadas que apuntalen o dereito á vivenda e reclama en toda España, pero de xeito especial en Galicia, considerar o investimento en vivenda digna e accesible como obra pública prioritaria.
Podes ampliar datos a través da web https://eapn-galicia.com/