A Fundación Banco Santander vén de presentar nas súas redes sociais as corenta entidades que foron seleccionadas tras presentarse á 18ª Convocatoria Santander Ayuda. Unha destas entidades é COGAMI, ao presentar o proxecto Servizo de Intermediación Laboral fronte ao COVID-19.
A través desta convocatoria, dende COGAMI solicitábase a adquisición de máscaras protectoras para poder prestar o servizo de intermediación laboral que ten operativo nas principais cidades galegas e que a partir desta semana inicia, tras unha solicitude de cita previa, as entrevistas personalizadas.
Tras ser seleccionado este proxecto, COGAMI poderá comprar máis de 6.300 máscaras cirúrxicas protectoras que permitirán que as e os 40 profesionais do servizo de emprego poidan desenvolver o seu traballo de maneira máis segura.