A Rede polo Emprego Conecta Vigo empezou a súa traxectoria a finais de xuño do ano 2019, cando un grupo de entidades e organismos representativos do ámbito social da cidade decidiu unirse para traballar en rede e establecer colaboracións entre si, co fin de mellorar as posibilidades de inserción laboral das persoas en situación de vulnerabilidade.
Esta rede Conecta Vigo estableceu como punto de partida uns obxectivos comúns ás entidades membro, en beneficio da mellora da empregabilidade das persoas destinatarias dos diversos programas de emprego que se desenvolven na comarca viguesa. Entre estes obxectivos figuran xerar espazos de traballo e coordinación entre as entidades locais, facilitar formación ás persoas profesionais que traballan na rede, xerar xornadas de sensibilización social e empresarial, entre outras.
Conecta Vigo está constituída por dezanove entidades que traballan con colectivos vulnerables como as persoas con discapacidade, mulleres, persoas migrantes, retornadas, privadas de liberdade, entre outras, e creouse para reivindicar un emprego digno e un aproveitamento de recursos.
Entidades membro
Ademais de COGAMI, a rede está integrada por entidades e organismos representativos do terceiro sector, con ampla traxectoria na inserción de persoas en risco de exclusión como: Accem, Asociación Laboral, Asociación Amicos, Fundación Amigos de Galicia, Asociación Diversidades Acolle, Fundación Juan Soñador, Asociación Provivienda, Cáritas Diocesana Tui-Vigo, Concello de Vigo, Down Vigo, Emaús Fundación Social, Fundación Érguete, Fundación Impulsarse, Fundación Laboral de la Construcción, Inserta Empleo de Fundación ONCE, Fundación Secretariado Gitano, Radio Ecca Fundación Canaria e Universidade de Vigo.