COGAMI, unha das entidades da Rede TIL de Lugo que prepara a xornada de Xustiza Social e Emprego
  • Novas
  • 10 de febrero de 2021

COGAMI, unha das entidades da Rede TIL de Lugo que prepara a xornada de Xustiza Social e Emprego

A Rede TIL, sendo COGAMI unha das entidades que a integran, conmemora o Día Mundial da Xustiza Social coa celebración do acto Xustiza Social e Emprego: Emprego e Economía mergullada en tempos de COVID, que terá lugar o vindeiro 19 de febreiro, en horario de 10 a 12.30 horas a través do enlace http://ir.gl/xustizasocialredetil.

A Rede de Técnicas de Inserción Laboral de Lugo entende que tanto axentes de emprego, como as administracións e o conxunto da sociedade deben velar por garantir resultados equitativos para todas as persoas a través do emprego, protección social, diálogo social  e os principios e dereitos fundamentais no traballo.

Durante esta xornada, diferentes poñentes van tratar de describir o novo panorama socioeconómico que está a deixar a pandemia na sociedade actual. Algúns dos temas tratados serán o emprego e a conciliación en familias vulnerables tralo COVID, efectos psicolóxicos do COVID na busca de emprego en persoas en situación de vulnerabilidade, traballo decente e emprego mergullado e tamén se tratarán experiencias en emprego mergullado.

Rede TIL

A Rede TIL de Lugo é un foro de encontro, discusión e traballo das entidades do terceiro sector e o Campus Universitario de Lugo que ten por misión afondar no coñecemento e intercambio de estratexias, modelos e boas prácticas no eido da orientación, asesoramento e intermediación laboral.

Tendo por obxectivo acadar maiores cotas de empregabilidade, nos últimos anos conmemora o Día Mundial da Xustiza Social, unha data proclamada en novembro de 2007 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas que procura apoiar o labor da comunidade internacional encamiñada a erradicar a pobreza e promover o emprego pleno e o traballo decente, a igualdade entre os sexos, e o acceso ao benestar social e a xustiza social para todas as persoas.  

Podes descargar o programa da xornada