O Concello de Sada e COGAMI veñen de asinar un contrato para levar a cabo o servizo de Atención Temperá deste municipio coruñés para detectar posibles necesidades ou trastornos de desenvolvemento entre nenos e nenas de 0 a 6 anos.
O servizo, que resulta gratuíto para as familias, desenvolverase no local anexo a servizos sociais do concello de luns a xoves en horario de mañá e tarde, mentras que os venres terá atención só en horario de mañá. Unha psicóloga, unha terapeuta ocupacional e unha logopeda forman parte do equipo profesional que leva a cabo este servizo que inicia COGAMI por un período de dous anos.
Ademais, este equipo contará co apoio e asesoramento das profesionais dos servizos de atención temperá que COGAMI está a prestar actualmente nos concellos de Abegondo, Bergondo e Carral, na Mancomunidade de Baixo Miño, no proxecto Innovador que se desenvolve no CEGADI e nos servizos de Promoción da Autonomía Persoal e Asesoramento en Accesibilidade.